Resumo
Ó
longo deste traballo veremos como se desenvolveu, a evolución e os comezos que conformaron o que
hoxe entendemos por documentación. Tamén se analizarán diversos ámbitos
comprendidos dentro da materia, coa finalidade de obter un resultado final que
nos oriente do papel da documentación no ámbito da información.
Palabras clave
Documentación, Evolución, Información,
Especialización, Orden, Xornalista.
Introdución
Cara fins do século XIX, Paul Otlet e
Henri La Fontaine, ambos belgas e estudados da avogacía, lograron o estatuto de disciplina científica autónoma
para a documentación. O termo documentación foi primeiramente empregado para
designar o proceso concreto de recollida, tratamento, arquivo, busca e difusión
de documentos. O perfeccionamento desta nova ciencia veu da man da II Guerra
Mundial, pola cantidade de información que ía xurdindo e a necesidade de documentación.
A cooperación de todos os científicos a nivel mundial, era o propósito de Otlet,
e algo totalmente impensable naqueles tempos, nos que transcorría moito tempo
entre un avance científico e a súa difusión.
Coa chegada de ordenadores ós xornais e demais
centros informativos, todo o que antes se facía manualmente pasa a realizarse
dun xeito automático, favorecendo a creación de verdadeiros almacéns informatizados,
tanto de textos como de sons, organizados e permitindo así a súa procura sinxela
e automática. As últimas tecnoloxías acomódanse á perfección para a selección,
análise, recuperación e difusión da información.
Internet é aquela ferramenta que Otlet
procuraba, un enorme núcleo documental no que reside todo tipo de información
actualizada procedente de todo o mundo.
Concepto
Aínda que existen numerosas definicións deste
concepto, unha serie de características son comúns en todas as explicacións.
Isto é que a labor documental pode considerarse
como un traballo de interpretación e transformación das mensaxes a través dun
proceso, que pode sintetizarse do seguinte xeito:
- Selección do material sobre o que se traballará.
- Análise ou representación do contido do documento baixo unha forma diferente á súa orixinal.
- Recuperación, ou proceso de búsqueda.
- Difusión, ou transmisión ao usuario da información que necesita. É o desenlace de todo o proceso documental, sendo o verdadeiro obxectivo da documentación.
O profesor López Yepes chegou a
entender a documentación dun xeito máis científico. Estableceu dúas posibles
definicións. Por un lado refiriuse á ciencia da documentación e información e
por outro lado, á ciencia da documentación en xeral. No primeiro caso, a
ciencia da documentación é ciencia á par que información, mentres que no
segundo, aproveitase dos conceptos das ciencias dos procesos informativos.
Principios
Segundo Félix
del Valle Gastaminza, Doutor en Ciencias da Información e Profesor titular na
Universidade Complutense de Madrid, os principios da documentación da
información comprenden dous ámbitos, o teolóxico e o formal.
En canto ó teolóxico, marcado polos obxectivos
fundamentais da información xornalística, isto é, a verdade informativa e a súa
comprensión por parte do destinatario, abarca tres tipos. O principio
verificativo, como a causa orixinaria fundamental da actividade documental
xornalística, polo cal esta se orienta cara á consecución da verdade informativa;
o principio explicativo, causa final específica da actividade documental xornalística,
que axuda ó entendemento da verdade informativa mediante a valoración e potenciación
da comunicabilidade dos textos. E o principio editorial, o cal constitúe unha
perspectiva subxectiva das anteriores e reúne dúas dimensións: a ideolóxica
(liña editorial do medio) e a formal.
Por outra banda, o formal e circunstancial, asevera
que a razón de ser da documentación está no seu posterior uso, polo que é
necesario determinar a utilización futura das fontes. Dentro desta categoría
preséntase o principio de perdurabilidade, como a razón formal da actividade
documental xornalística, que tende a fixar a utilidade futura e o grao de
permanencia de textos e referencias; o principio de adecuación funcional, regra
metodolóxica na actividade documental xornalística, pola cal esta se orienta ao
tratamento específico que precisa cada tarefa e medio documental, de acordo coa
súa natureza e a función que realiza. O
derradeiro principio, o limitativo, supón o conxunto de circunstancias reais da
actividade documental xornalística, que limitan o seu exercicio: localización,
ámbito de difusión, tipo de publicación ou periodicidade, entre outras.
Características da información de
actualidade
As noticias teñen antecedentes e consecuencias,
produto da actividade política, económica, social e cultural que a xente
realiza no seu día a día. As noticias dependen unhas das outras. Por este
motivo, a función dos medios de información non só radicará en dar noticias,
senón en ofrecer ó lector información documentada, na que cada noticia sexa
vista en función das súas relacións co resto da información de actualidade.
A información documentada parte dunha investigación
previa, que tratará de explicarse, precisarse o máis posible, e que polo tanto,
tratará de ser obxectiva. Sen embargo, a carencia de tempo, habitual nos medios
de comunicación, obriga a discernir entre o que vale e o que non vale a pena de
entre o exceso de fontes documentais e a sobrecarga de información.
As principais características da información
de actualidade dende a perspectiva do traballo documental son expostas por Amat
e Blasco (Rev.Esp.Doc.Cient. 19, 2. 1996):
- Coincidencia episódica. As mesmas noticias son ofrecidas por todos os medios diarios nas mesmas datas e posteriores, así como nas revistas xerais nas súas datas de publicación e nos espazos informativos non diarios dos medios audiovisuais. A causa é sobre todo a dependencia dos medios das axencias.
- Redundancia cíclica. Determinados acontecementos teñen unha frecuencia diaria, outros semanal, outros mensual, trimestral ou anual. Isto fainos previsibles para a documentación.
- Efecto Mateo. Uns poucos personaxes concentran o interés dos medios e aparecen nomeados en moitas noticias, mentres que moitos outros, aparecen citados polos medios cunha menor frecuencia, co conseguinte desequilibrio para o tratamento da información relativa ás persoas.
- Multiplicidade de soportes. Teletipos, noticias impresas, comunicados de prensa, gravacións radiofónicas, materiais visuais e audiovisuais.
- Fragmentación da mensaxe. As mensaxes informativas transmítense fragmentadas polo ritmo de captación dos acontecementos, diferente ao da publicación ou edición dos medios.
- Latencia. A información de actualidade caduca aparentemente, pero calquera feito pechado pode reabrirse e pode devolver o protagonismo a personaxes e feitos con independencia da súa antigüidade.
- Documentos compostos. Textos con fotografías e gráficos.
- Lei do mínimo esforzo. Non se adoita dispor de tempo físico dabondo para tratar a información dun xeito elaborado.
- Estratificación de usuarios e usos. Trabállase para usuarios moi diferentes na súa especialización e nos seus obxectivos.
- Relatividade de significado. Os documentos xornalísticos cambian o seu significado en distintos contextos e admiten interpretacións diversas por parte dos usuarios.
Unha última característica do discurso
informativo podería ser a omisión. Os textos xornalísticos omiten sempre
información, voluntaria ou involuntariamente. A omisión pode ser doxológica
cando se oculta deliberadamente
información. Pode ser manipulativa (o ausente actúa como reforzo adicional do
expresado), neutral (dáse por sabido o omitido), agnósica, cando se omite o que
se descoñece, é involuntaria. E por último, a omisión imposta, exercida por
razóns de espazo ou tempo.
Funcións
Existen unha serie de funcións propias da
documentación informativa.
a) Produción de información. A documentación xera
nova información, polo que a posibilidade de información, poténciase coa documentación.
b) Mellora da calidade e credibilidade da
información. Un proxecto ben documentado fará que sexa fiable e de calidade.
c) Almacenamento e conservación. Todo aquilo que
estea ben almacenado poderémolo volver encontrar. Haberá que almacenalo no soporte
axeitado e deberá estar nun lugar onde poidamos localizalo. Así mesmo,
poderémonos beneficiar de todos os documentos que foran almacenados e
conservados correctamente por outros investigadores.
d) Difusión e reutilización. A información ben
documentada e almacenada poderase volver a utilizar nun futuro. A reutilización
da documentación é imprescindible para levar a cabo a produción de información.
Finalidade
Ó longo dos anteriores apartados xa se podía entrever
a utilidade ou finalidade do proceso de documentación informativa. A
continuación, unha relación dos mesmos:
I. Buscar información: localizala,
contrastala e valorala.
II. É útil á hora de determinar o tipo
de información que se necesita para elaborar un determinado traballo.
III. Permite organizar, é dicir,
arquivar, clasificar e ordenar, calquera material que se vaia acumulando.
IV. Almacenar todo o noso traballo
para que nós mesmos ou outros profesionais poidan localizalo.
V. Recuperar e difundir documentos de
utilidade.
VI. Axuda a adquirir, coa práctica, un
criterio de selección imprescindible para obter a información máis útil,
novidosa e completa, que sirva para documentar o traballo que se estea a
realizar.
Centro de documentación
nun medio: funcións, características e fins
Un Centro de Documentación é aquel que examina
e avalía minuciosamente as fontes primarias e secundarias de información
técnica e científica, isto inclúe documentos comerciais, históricos e outros. A
súa función básica é a de transformar fontes primarias de información
científica e técnica en produtos que sexan utilizados directamente polos
usuarios do Centro de Documentación.
A documentación informativa, xa sexa impresa,
iconográfica, sonora ou audiovisual, é hoxe en día unha esixencia de todos os
medios de comunicación que necesitan dispoñer dun servizo documental rápido e
eficaz. Debe ser capaz de ofrecer ao profesional o documento adecuado para
ampliar ou confrontar as súas noticias no menor tempo posible. A gran competencia
dos medios audiovisuais e o desenvolvemento cultural da audiencia, demanda unha
mellor e máis preparada información. Poderiamos dicir que a documentación
relacionada coas Ciencias da Información ten dúas vertentes. Por unha parte os
profesionais acoden a centros de documentación de carácter científico ou investigador,
onde utilizan as fontes específicas de cada materia para elaborar o seu traballo,
e por outro, dá lugar á creación de centros de documentación dentro das
empresas informativas, nas que os documentalistas manexan fontes de información
de temática xeral que serven para a produción de noticias.
Para sintetizar os
propósitos do Centro de Documentación, clasificarémolos deste xeito:
- Recompilar información de todo o investigado
sobre unha área temática en particular e ben definida.
- Analizar e avaliar a información investigada ou
recompilada.
- Agrupar e almacenar a información recompilada en
ficheiros.
- Transmitir a información obtida aos usuarios
interesados por medio de servizos de alerta, publicacións e respondendo a
consultas.
En canto
á organización do Centro de Documentación, posúe tres características
principais.
-> A división de
Biblioteca. Encárgase de todas as coleccións do Centro de Documentación
(adquisicións, catalogación, almacenamento, conservación).
-> División de
Documentación. É a encargada de procesar as informacións recompiladas ou por
propia iniciativa, prevendo os requisitos nacionais ou a longo prazo de
documentación e información científica e técnica.
-> División de
publicación: permite agrupar, editar e reproducir por impresión, fotocopia,
duplicación ou outros procedementos, calquera número de copias que serán
facilitadas aos científicos ou divulgadas a través do país e cambiadas con
centros estranxeiros de documentación.
Bibliografía
Marcos Recio, Juan. “Concepto de documentación” [en
línea]. Universidad Complutense de
Madrid. Facultad de Ciencias de la Información, <http://www.ucm.es/info/multidoc/prof/periodismo/Curso2004_tem_periodismo3.htm>,
[Consulta: 12 outubro 2012]
A.Bernales, Emilio. “Archivología y Documentación” [ en
liña]. Departamento de Bibliotecología,
Valle
Gastaminza, Félix del. “La documentación: concepto y contexto científico” [en
línea]. Universidad Complutense de
Madrid. Facultad de Ciencias de la Información, <http://www.ucm.es/info/multidoc/prof/fvalle/tema2.htm>,
[Consulta: 12 outubro 2012]
Arellano Pardo,
María del Carmen. “La Documentación Informativa” [en liña]. Universidad Rey
Juan Carlos,